Sunday 05 de May de 2024

Ordes acolle as II Xornadas de Teatro e Saúde Mental


Terán lugar o vindeiro mércores na Casa da Cultura. Están organizadas por Andaina Pro Saúde Mental en colaboración co Concello e Feafes. Representaranse un total de sete obras de entrada libre

O vindeiro mércores, 14 de decembro, Ordes acollerá as II Xornadas de Teatro e Saúde Mental. Unha iniciativa levada a cabo pola asociación Andaina Pro Saúde Mental, con sede no municipio ordense ademais de en Dodro, en colaboración co Concello de Ordes e Feafes Galicia.

O programa inclúe un total de 6 funcións teatrais que se representarán ao longo de todo o día. A xornada arrancará ás 10 horas coa apertura das portas do auditorio da Casa da Cultura e a benvida por parte de Omaira Tuirán, presidenta e fundadora de Andaina Pro Saúde Mental. De 10.30 a 11.30 horas será o turno para o grupo de teatro da Asociación Pro Enfermos Mentales (APM) coas obras ‘Os titiriteiros’ e ‘Unha de vaqueiros. “Non á mina”’. De 11.45 a 12.30 horas A Mariña representará ‘A marabillosa mente de Alicia’. De 13 a 14 horas A Morea Show ofrecerá ‘Microencontros’. Tras o xantar, de 16 a 17 horas será o momento para o grupo DOA con ‘Misión Imposibel!!’. Os últimos en saír a escena serán os actores e actrices de Andaina Pro Saúde Mental, que nesta ocasión ofrecerán dúas pezas, ‘Romeo e Xulieta’ e ‘O Mercader de Venecia’,entre as 17.15 e as 18.15 horas. Ambas son unha adaptación do actor e dramaturgo Fran Rey.

As persoas que queiran desfrutar dalgunha das obras pódeno facer completamente de balde e sen necesidade de reservar localidade, xa que a entrada é libre e completamente de balde.